ESTAMOS NAS ÚLTIMAS

Estimados/as socios/as:

Poñémonos en contacto con vós para darvos conta da situación na que nos atopamos como ANPA, que só podemos cualificar de extremadamente grave; tanto, que estamos a piques de decidir a súa disolución.

Na última asemblea, a finais do ano pasado, xa fixemos mención na convocatoria á necesidade urxente de que se incorporaran novas persoas para facilitar unha transición na directiva que permitira a súa continuidade e viabilidade. Non tivemos éxito: nin na asistencia á asemblea, nin no ofrecemento de persoas; neste último caso, si cómpre dicir que houbo algún achegamento e ofrecemento, pero parece que non é suficiente.

Recentemente tivemos unha xuntanza da Directiva, na que vimos que moitas das persoas non continuaremos o próximo curso, porque os nosos fillos/as marchan do IES. As que quedan, sumando as novas incorporacións, non fan viable manter nin sequera a mínima actividade que levamos a cabo nestes últimos cursos: actividade de inglés, apoio a iniciativas do IES (excursións escolares, reparto de froita…), presenza nos órganos de participacion do IES, como o Consello Escolar…

Non queremos agora entrar a valorar as posibles causas desta situación; máis ben, úrxenos tomar unha decisión entre dúas opcións: disolver a ANPA, ou mantela, aínda que sexa nun nivel mínimo de actividade.

Quizais o menos traumático sería manter a existencia formal da ANPA, aínda deixando de facer ningún tipo de actividade propia: actividade de inglés, colaboracións co centro… A función desta decisión sería manter a estrutura básica para poder mobilizala cando houbera unha ocasión máis propicia ou un maior impulso por parte das persoas asociadas.

A outra opción sería disolver a ANPA; estudariamos, nese caso, os trámites a levar a cabo, e o destino dos fondos que aínda temos, en base ao que estableza a lexislación.

En todo caso, trátase dunha decisión que tomaremos, como moi tarde, na próxima e, probablemente, última asemblea, que terá lugar no vindeiro trimestre. A resposta, ou falta dela, a esta interpelación, axudará a definir a decisión.
Se houbera algún novo ofrecemento para integrarse na directiva e propiciar a súa continuidade, vos pedimos que nolo fagades saber o antes posible, a través deste correo.

Moitas grazas, un saúdo

Comparte

Inmersión lingüística en Irlanda

Comparte

Asemblea Xeral

Estimadas familias:
Convocámosvos á Asemblea Xeral Ordinaria da Anpa Os Pazos, que terá lugar o vindeiro martes 15 de novembro, ás 19 hs. na primeira convocatoria, e 19.15 na segunda, no IES María Casares, e coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e votación da acta da anterior asemblea.
  2. Información das actuacións levadas a cabo dende a anterior asemblea, e as programadas para este curso.
  3. Información do estado económico da ANPA.
  4. Necesidade de renovación da Xunta Directiva.
  5. Preguntas, comentarios…

En relación ao punto 4, queremos acompañar a convocatoria da seguinte reflexión: Moitas das familias asociadas xa o fostes, no seu momento, dalgunha das ANPAS dos colexios (Santa Cruz e Mera, principalmente). A presenza da ANPA na vida deses CEIP era diferente, ao ter unha presenza moito maior na xestión de actividades ou mesmo de servizos básicos, como é o comedor escolar (no CEIP Isidro Parga Pondal).
O cambio respecto ao IES é grande, xa que é moito menor a organización de actividades (en boa medida, pola falta de demanda), pero iso tamén permite un traballo máis continuado e á vez máis silencioso ou descoñecido na intermediación entre a dirección do IES e as autoridades educativas, e as familias do alumnado do centro. Un traballo, en moitas ocasións, reivindicativo de servizos e recursos necesarios, e que provoca as lóxicas tensións e desgaste. Un traballo que, seguramente, non conseguimos transmitir do mellor xeito; pero tamén, por outra banda, do que sentimos pouco acompañamento por parte do conxunto das familias do IES e, nomeadamente, das asociadas á ANPA.
Ao mesmo tempo, dáse a circunstancia de que os itinerarios formativos no IES son diferentes: hai alumnado que estará toda a ESO e o Bacharelato, pero tamén o que, despois de rematar a ESO, opta por facer ciclos formativos noutros centros. Iso fai máis curta a presenza de persoas na directiva da ANPA, como é o caso actual, no que a maior parte das persoas que estamos nela temos un ou dous cursos por diante para rematar a nosa andaina.
A renovación non é sinxela e por iso facemos un chamamento á participación e á implicación; en caso contrario, somos conscientes de que temos unha data de caducidade bastante curta. Isto mesmo podería provocar a desaparición da ANPA, con todas as súas consecuencias (sen dramatizalas, nin tampouco infravaloralas): a desaparición dun dos  principais referentes na comunidade educativa para a participación das familias.
O ideal sería que un grupo importante de persoas puideran incorporarse, en calidade de vogais, o máis inmediatamente posible para, deste xeito, poder asumir outras responsabilidades de cara ao vindeiro curso.
Este é o reto da ANPA, o de todas as familias que participamos ou estamos asociadas a ela.
Moitas grazas, agardamos a vosa participación.

A Directiva da ANPA Os Pazos

Comparte

Comparte

Feira de Orientación académica e profesional

Comparte

O Concello de Oleiros subvenciona ó noso ANPA con 1.200 euros

Comparte

Asamblea aberta a todas as familias do IES María Casares

Comparte

Volve o reparto de froita!

No Anpa Os Pazos apoiamos a concienciación nos habitos saudables do noso alumnado, por iso un curso mais seguimos a colaborar co IES María Casares financiando cinco xornadas de reparto de froita.

Comparte

O noso agradecemento

Queremos agradecer encarecidamente a súa presenza, apoio e voz ao Concello de Oleiros (co seu Alcalde, Ángel García Seoane, á fronte); aos partidos políticos asistentes, especialmente á Deputada no Parlamento Autonómico Mercedes Queixas (BNG), que levará a nosa demanda a esa institución; ao persoal do centro (docente e non docente) que se achegaron e fan súa a nosa demanda; a José Antonio Martínez (PT do centro ata o pasado curso) polas súas declaracións e argumentacións, que reforzan a nosa petición; e, como non, ás familias e ao alumnado do IES, pola forza que nos dan.
Seguimos na loita!

https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2022/01/18/anpa-maria-casares-anos-habia-61670522.html

https://www.elidealgallego.com/articulo/oleiros/familias-maria-casares-reclaman-personal-especializado-3389710

Comparte