Estimadas familias:
Convocámosvos á Asemblea Xeral Ordinaria da Anpa Os Pazos, que terá lugar o vindeiro martes 15 de novembro, ás 19 hs. na primeira convocatoria, e 19.15 na segunda, no IES María Casares, e coa seguinte orde do día:
- Lectura e votación da acta da anterior asemblea.
- Información das actuacións levadas a cabo dende a anterior asemblea, e as programadas para este curso.
- Información do estado económico da ANPA.
- Necesidade de renovación da Xunta Directiva.
- Preguntas, comentarios…
En relación ao punto 4, queremos acompañar a convocatoria da seguinte reflexión: Moitas das familias asociadas xa o fostes, no seu momento, dalgunha das ANPAS dos colexios (Santa Cruz e Mera, principalmente). A presenza da ANPA na vida deses CEIP era diferente, ao ter unha presenza moito maior na xestión de actividades ou mesmo de servizos básicos, como é o comedor escolar (no CEIP Isidro Parga Pondal).
O cambio respecto ao IES é grande, xa que é moito menor a organización de actividades (en boa medida, pola falta de demanda), pero iso tamén permite un traballo máis continuado e á vez máis silencioso ou descoñecido na intermediación entre a dirección do IES e as autoridades educativas, e as familias do alumnado do centro. Un traballo, en moitas ocasións, reivindicativo de servizos e recursos necesarios, e que provoca as lóxicas tensións e desgaste. Un traballo que, seguramente, non conseguimos transmitir do mellor xeito; pero tamén, por outra banda, do que sentimos pouco acompañamento por parte do conxunto das familias do IES e, nomeadamente, das asociadas á ANPA.
Ao mesmo tempo, dáse a circunstancia de que os itinerarios formativos no IES son diferentes: hai alumnado que estará toda a ESO e o Bacharelato, pero tamén o que, despois de rematar a ESO, opta por facer ciclos formativos noutros centros. Iso fai máis curta a presenza de persoas na directiva da ANPA, como é o caso actual, no que a maior parte das persoas que estamos nela temos un ou dous cursos por diante para rematar a nosa andaina.
A renovación non é sinxela e por iso facemos un chamamento á participación e á implicación; en caso contrario, somos conscientes de que temos unha data de caducidade bastante curta. Isto mesmo podería provocar a desaparición da ANPA, con todas as súas consecuencias (sen dramatizalas, nin tampouco infravaloralas): a desaparición dun dos principais referentes na comunidade educativa para a participación das familias.
O ideal sería que un grupo importante de persoas puideran incorporarse, en calidade de vogais, o máis inmediatamente posible para, deste xeito, poder asumir outras responsabilidades de cara ao vindeiro curso.
Este é o reto da ANPA, o de todas as familias que participamos ou estamos asociadas a ela.
Moitas grazas, agardamos a vosa participación.
A Directiva da ANPA Os Pazos