Archivo por meses: marzo 2023

ESTAMOS NAS ÚLTIMAS

Estimados/as socios/as:

Poñémonos en contacto con vós para darvos conta da situación na que nos atopamos como ANPA, que só podemos cualificar de extremadamente grave; tanto, que estamos a piques de decidir a súa disolución.

Na última asemblea, a finais do ano pasado, xa fixemos mención na convocatoria á necesidade urxente de que se incorporaran novas persoas para facilitar unha transición na directiva que permitira a súa continuidade e viabilidade. Non tivemos éxito: nin na asistencia á asemblea, nin no ofrecemento de persoas; neste último caso, si cómpre dicir que houbo algún achegamento e ofrecemento, pero parece que non é suficiente.

Recentemente tivemos unha xuntanza da Directiva, na que vimos que moitas das persoas non continuaremos o próximo curso, porque os nosos fillos/as marchan do IES. As que quedan, sumando as novas incorporacións, non fan viable manter nin sequera a mínima actividade que levamos a cabo nestes últimos cursos: actividade de inglés, apoio a iniciativas do IES (excursións escolares, reparto de froita…), presenza nos órganos de participacion do IES, como o Consello Escolar…

Non queremos agora entrar a valorar as posibles causas desta situación; máis ben, úrxenos tomar unha decisión entre dúas opcións: disolver a ANPA, ou mantela, aínda que sexa nun nivel mínimo de actividade.

Quizais o menos traumático sería manter a existencia formal da ANPA, aínda deixando de facer ningún tipo de actividade propia: actividade de inglés, colaboracións co centro… A función desta decisión sería manter a estrutura básica para poder mobilizala cando houbera unha ocasión máis propicia ou un maior impulso por parte das persoas asociadas.

A outra opción sería disolver a ANPA; estudariamos, nese caso, os trámites a levar a cabo, e o destino dos fondos que aínda temos, en base ao que estableza a lexislación.

En todo caso, trátase dunha decisión que tomaremos, como moi tarde, na próxima e, probablemente, última asemblea, que terá lugar no vindeiro trimestre. A resposta, ou falta dela, a esta interpelación, axudará a definir a decisión.
Se houbera algún novo ofrecemento para integrarse na directiva e propiciar a súa continuidade, vos pedimos que nolo fagades saber o antes posible, a través deste correo.

Moitas grazas, un saúdo

Comparte